Visita grupo IES Eusebio da Guarda

 

IMG-20170525-WA0005

Fonte: http://cazatesouros.blogspot.com.es/2017/06/visitando.html

1 de xuño de 2016

IMAG4953

Visitamos recantos incógnitos das terras de Santiago cos alumnos de cuarto da ESO. Señorío de Santigo, unha das provincias, e non pequena,  do Vello Reino. Imos da man de Antonio Fondo, o voso profesor de Relixión, licenciado en Historia. Gran persoa, grande cultura, inabarcable amor á Terra. Sempre aprendemos algo con el. Dámoslle por enésima vez as grazas: agradecemos ver, amar a telúrica e viva forma (a paisaxe que nos fai evocar do lido, páxinas pedrayanas, guillenianas, novoneiranas), coñecer novos datos. Paramos primeiro no xardín botánico de Padrón (foto na sequoia baixo a cal verosimilmente sentara  Rosalía, sempre inspirada: pregúntolles de onde nos chegan esas árbores, rememoro outra viaxe, á Serra Nevada californiana e fago a inevitable conexión coa Ave Fénix).

 

(Representación do bautismo da raíña Lupa. Interior da igrexa de Padrón)

(Xa no pazo do Faramello, tras plantar a árbore do amor)

En Padrón vemos a Fonte do Carme ou da Trabanca, da que xa falamos noutra ocasión, aquela na que aparece representado o bautismo da Raíña Lupa: o propio Santiago é o que a bautiza. A representación pétrea na fonte o que está facendo é recoller tradicións moi antigas, incluso anteriores ao medieval Códice Calixtino; en calquera caso nese libro xa se fala da conversión á nova fe de Lupa, convencida ela mesma polos prodixios –touros ou uros do Monte Sacro ou Monte Illicino que son amansados ou que se axeonllan, que se deixan xuncir, que logo se paran misteriosamente alí onde o novo sepulcro santiaguino será ergueito e deita de contado auga en manancial marabilloso etc.- e así rexenérase e fica instruída por inspiración divina. Da mesma maneira quere Carlomagno, na Chanson de Roland, que mude Bramimunda. Deixou escrito Turoldo: A raíña de España […] convértese cristiá por verdadeira fe (todo isto publicámolo nun artigo, “Da Raíña Lupa e da tradición xacobea”, no ano 2003). Recordaba este xoves sacro, como o Pico que visitamos, Antonio Fondo que o outro nome de Lupa era Atia. Antonio recibe este dato porque o citaba un experto en libros de temas xacobeos, Juan José Cebrián Franco. Hai un artigo (LA REINA LUPA DE IRÍA©2008© Don Aurelio José Miguel Isamat Anaque de Catalania/Don José Julio de Herrera Anaque de Gautia) dispoñible na rede (http://www.sangrial.com/pdf_files/reinalupadeiria.pdf) onde se vincula o nome de Atia co que aparece na lápida sepulcral conservada no Museo do Mosteiro de San Paio de Antealtares, Atia Moeta. Esa lápida formaba parte do panteón, panteón que se supón que pertencería inicialmente a unha dona principal así chamada, onde foi sepultado Santiago Apóstolo. A identificación Atia=Lupa entra no campo das hipóteses de difícil comprobación, inda que en principio parece responder a un desexo de facer entroncar a mítica raíña nosa coa nobreza romana de maior avoengo, nun típico proceso de aculturación. En calquera caso, nós estivemos mirando na epigrafía hispana (Hispania Epigraphica) e observamos que o nome Attia non é infrecuente en epitafios e inscricións varias: Attia GallaDomitia · Attia · / Caesarobrig(ensis),  Attia L(uci) lib(erta)Attia Luciani / Olaur(ensis) (de Lora de Estepa, Sevilla), Attia Fabia,  Attia Clarina (este atopado xa máis cara o NO, en León), Attia Paterna, achada en Cáceres; tamén en Cáceres: Attiae · A(uli) · fil(iae) · Avitae · A(ttia) Galatia / mater. E pode que Atua sexa variante da nosa Atia (documentamos unha Atua Boutia, cluniacense, cun segundo nome claramente celta). Tamén se documenta o nome de varón, Attio. O nome parecer parece de raigame latina (a Atia quizais máis famosa na historia é a pertencente á familia Xulia, a sobriña de Xulio César), pero habería que averigualo con máis calma.

(No pazo do Faramello: escoitando as explicacións de G. Rivero)

(A prof. Carmen Aquino diante da copia da imaxe de Bernini. Interior da capela do pazo. A obra orixinal gárdase noutro lugar)

(Pazo do Faramello: a chamada “rocha nai”)

Deixamos Padrón para dirixirnos ao pazo do Faramello, onde estivo afincada unha importante fábrica de papel. Estamos a uns doce quilómetros da capital de Galicia. Espéranos e guíanos o copropietario, Gonzalo Rivero de Aguilar, unha persoa chea de vitalidade, namorada do pazo, da súa historia e que sabe envolver en páxinas mítico-literarias o espazo, as cousas e as plantas que o rodean. Non me estendo moito sobre as pequenas (e grandes) xoias e tesouros e historias marabillosas do pazo porque atopades en Internet información abonda (en:http://www.pazofaramello.com/visitas-c21f5, e tamén en:https://foros.xenealoxia.org/viewtopic.php?t=8945).

 

(Pías, para botar os farrapos, da vella fábrica de papel. Chamábanlle “pudridoiros”, e había 21)

Preguntáballe ao final da visita se recibe subvencións públicas para manter todo aquilo e contestoume cun chisco de san orgullo que non, que vive das visitas que recibe. Un home nobre e directo, así o xulguei. Teño idea de volver cos meus en visita xa non de grupo escolar. Pero os rapaces ficaron encantados, desfrutaron moito, atenderon regularmente ben e creo que aprenderon un montón. Plantamos unha árbore de Xudas ou do amor (parecen nomes contraditorios). Recordamos en voz alta, primeiro o libro de Marina Mayoral, Unha árbore, un adeus, no que a protagonista planta un magnolio axudada polo seu antigo namorado, Luis, se non me falla a memoria. Logo recordamos os defuntiños, especialmente aqueles que faleceran no accidente de Angrois. A árbore que plantamos formará parte dun xardín-memorial.  Xunta a ese xardín había un estanque (a presa da antiga fábrica de papel) e preside impoñente o espazo, un grande penedo. Díxonos Gonzalo que os aldeáns circundantes chamábanlle de sempre a rocha nai e que servira antigamente para facer ritos de paso á puberdade (se ben en Internet se fala de propiedades de fertilidade “para os peregrinos”, enhttp://www.sondocamino.com/placeres/pazo-de-faramello). A ver nun futuro próximo se é posible falar con algunha paisana xa maior que nos arrequente e ilustre sobre este punto. A Gonzalo, claramente, gústalle moito enraizar todo o que pode na cultura celta: facía especial fincapé nos freixos (aínda que non esqueceu falarnos das 16 árbores senlleiras do pazo, e insistiu as veces que fixo falta na necesidade de repoboar a aba do castro desfeita no 84 polo Hortensia con especies autóctonas). Sabe ben que no mundo tradicional celta o freixo representa o tránsito entre o pasado, presente e futuro: cando vai morrer xa lle está nacendo outro dentro, é unha elegantísima árbore que pode vivir uns 300 anos. Rica familia con esta raíz na nosa lingua: Freixal, Freixeira, Freixeiro, Freixido, Freixomil…Evidentemente, o amor por esta simbólica árbore non é privativa dos celtas: os xermanos tamén o souberon valorar: aí está a épica nórdico-europea, co Edda e o Yggdrasil, a árbore da vida, freixo do Universo.

(Plantando a árbore no xardín memorial dos defuntiños do accidente ferroviario de Angrois)

Prometinlle ao señor Rivero ao despedirnos que lle faría chegar un relato celta sobre a importancia  da vara de abeleira, para que enriqueza as súas referencias simbólicas tocantes ás árbores. Pensaba eu nun relato preciosísimo das tres doncelas transparentes localizado en Pontedeume e recollido por Jean Markale (Contos e lendas dos países celtas). Pero falloume a memoria: o meigo-druída non axita unha vara de abeleira nesa mítica historia, senón unha póla de maceira. Logo repasei os recitativos atribuídos a Merlín que inda se conservaban na Bretaña do XIX e tampouco achei a abeleira, senón o acivro: -Ou, bardo Merlín, de onde vés coa túa roupa feita cachizas? Onde vas así, coa cabeza descuberta e descalzo? Onde vas así, meu vello Merlín, co teu caxato de acivro? (Hersart de la Villemarqué, Chants populaires de la Bretagne, a tradución ao galego é nosa). Un acivro senlleiro forma parte do patrimonio do pazo (16 árbores senlleiras!), o acivro máis antigo de Galicia está no Pazo do Faramello.

(Charo e Marta: boa proba de que a raza mellora. Estamos no Pico Sacro)

(Antonio na entrada da cova do Pico Sacro: foco probable das lendas sobre o estraño señor do Pico, aquel que daba beberaxes ás mozas… )

(Antonio e Charo: confiamos en vivirmos aínda moitas viaxes con tan espléndido guía)

(Fervenza do río Zaramo. Estamos preto do Pico Sacro)

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

NOTAS FRASEOLÓXICAS SOBRE ‘FARAMELLO’.

Pregunteille a Gonzalo se lera ou oíra algo sobre a orixe da palabra Faramello e díxome que en galego signficaba muíño, e que había un topónimo, Framelle, onde tamén había muíños. Discrepo, aínda recoñecendo que, como hipotizo máis abaixo, certa conexión hai entre o proceso que fai un muíño e o fragmento resultado da moenda/fragmentación. Os topónimos do tipo Framelle (Monfero, A Coruña), Framille  (Lugo), veñen de nomes de posesores góticos, a forma en –elle/-ille indícanos xenitivo de posesor (trata estes nomes Nicandro Ares, enEstudos de toponimia galega, t. I, p. 518).

Sobre o significado da voz Faramello podemos dicir o seguinte: primeiro, a presenza do artigo (Pazo do Faramello) fainos pensar nun substantivo común, non propio.

En segundo lugar, está o problema da familia á que pertence: se dicimos que pertence á de faramallas, faramallosa, faramallada non parece haber problema: á parte da fonética semellante, hai un sema en común, o sema [+ ENREDO]. No galego actual ese é o valor que subsiste para faramello como voz común ‘que enreda, fedello’. Tamén o verbo faramellar significa ‘revolver, enredar’.

Agora ben, ‘fedello’ parécenos acepción secundaria: a primaria podería estar próxima a ‘enredo’, pero aínda non sería esa a primaria para faramello. Cremos posible supoñer outra acepción máis material e concreta e quizais, só quizais, esa é a que se encontra agochada na frase botan a rebatiña coma quen cisca unha peneirada de faramello (de Johán Vilanova, TILG, 1934). Aí faramello dá a impresión de ser aquilo que resulta da moenda: algo que se esfaragulla ou se esfarmaga.  Máis aínda, supoñemos que faramello pertence á familia de farelo.

Antes da fabricación de papel nese lugar (hoxe chamado do Faramello), alí facíanse farrapos de liño para mandar fóra á transformación industrial correspondente: os panos de liño esfarelábanse, coma quen di, facíanse con el anacos, farrapos, un auténtico “esmendrello”, un faramello.

Movémonos arredor da raíz FAR-/FARR-. De igual maneira que o latín farragosignificaba ‘mestura de varios grans’ e mais ‘compilación de pouco valor’ (Corominas, s.v. FARRO), así tamén vemos eses dous semas en faramallas. Cando Risco (TILG) fala de faramallosa retórica (cast. farragosa) xa temos unha acepción secundaria.

O efe inicial pode trocar por outra fricativa en voces da mesma familia: así, sefaramello é un revoltoso ou enredador, zaramalla é un enredo. Se faramallar é enredar, iso mesmo é o que significa zaramallar (TILG: s.v. FARAMALLAR), mera variante fónica.

Logo, insistimos, cómpre partir da raíz FAR-/FARR-  e moverse con cambios de sufixos e interfixos. Porque entre, imos poñer de exemplo, farelo e faramel(l)o o que se integra, verosimilmente, é o interfixo –am- (integrable na serie frecuente de interfixos como –ar- de carapucha, nevarada, caparazón, fumareda…), un interfixo que explica voces como cárcamo (sobre carca), cábramo ‘corda’  (sobre cabo?, cable?), cártamo (un tipo de cardo), calzamo/calsamo ‘tipo de planta’ (sobre calce),védramo ‘espesura das fragas’ (sobre verde?) etc. Vén sendo un acrecentativo do corpo fónico de determinadas palabras, do tipo de –ar- xa citado ou do tipo de –ag(o)- (sámago sobre samocórgamo sobre corgo, cast. relámpago en relación co noso lampo/relampo). Desta maneira explicaríase o paralelismo entre farelo efaramello, cun interfixo acrecentativo –am-. A semántica axuda porque mantense o sema común de ‘fragmento’, como en faragulla. Como se pasa da idea de ‘fragmento’ a ‘enredo’ é doado: as partículas únense, mestúranse  e o que está mesturado frecuentemente está revolto, enredado.

Xa á derradeira, permitídeme que vos  faga saber que o papel fabricado no Faramello pasou á fraseoloxía: no TILG documentamos a frase (Ter) papeis do faramello co significado irónico de ‘(ter) pedigree’: xa vou por riba do tellado do Casino , casa onde non ademiten monteiras , pois solo queren os que teñan limpos e bos papés do faramello (O Tío Marcos da Portela, 1876); si teñen papés do faramello , bon proveito lles faga (1877); nado como o máis probe , sin representación na sociedade , sin papés do faramello (1883). E incluso pode estar elidido o subs. papel, cobrando a frase preposicional do faramello o valor léxico correspondente: sempre en  Ourense 1 , sempre tivemos , aristocracia do faramello , xentes de tono , homes soberbios que andar cos probes teñen a menos (1884): xa vedes que neste texto  está clara a sinonimia, refírese ironicamente á xente con pedigree.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s