Actividades escolares

Descargar Folleto colexios 2017_2018  ou Dossier colexios 2017_2018.

entradapazo

“El secreto mejor guardado del camino que llaman del Apostol” C.J.Cela

Turgalicia proclamou ao Pazo do Faramello como “A esencia de Galicia”, xa que logo, reúne nun só lugar historia, arte, pasado industrial, Camiño de Santiago, patrimonio celta e mística literaria, todo integrado nunha contorna onde domina a natureza en estado puro.

O Pazo do Faramello preséntase como unha interesante opción para visitas didácticas, permitindo abordaxes interdisciplinares ou ben por materias.

Ciencias da Natureza – Botánica-Paisaxismo- Ecoloxía

 

É imposible non caer rendido perante a maxestuosidade da natureza en todo o seu esplendor. Na fraga do Faramello atópanse árbores senlleiras, coma o acivro -que lle dá escudo ao Concello de Rois-, a carballeira máis alta do Camiño de Santiago, flora fluvial autóctona, e nos seus xardíns pódense contemplar un grande número de árbores froiteiras, camelias únicas e a maior colección de pradairos xaponeses existentes nun pazo galego.

Mención aparte merece a biodiversidade; nos eidos do Pazo habitan especies difíciles de ver noutros lugares próximos como troitas, lontras, porco teixo, esquíos numerosos anfibios, garzas e outras aves fluviais, todo tipo de rapaces, réptiles entre os que se achan exemplares ameazados como o lagarto das silvas, etc.

Cómpre salientar o esforzo de repoboación que se está levando a cabo nos terreos do Pazo, na súa meirande parte en zonas de libre acceso. Nos últimos catro anos plantáronse máis de tres mil exemplares, atopándose arestora en pleno proceso de erradicación de especies invasoras como o eucalipto e a acacia negra. Conxuntamente coa Fundación Internacional de Restauración de Ecosistemas (FIRE) iniciáronse os traballos de reintrodución de especies autóctonas como o carballo e o acivro.

Lingua e Literatura galega

 

Poida que a faciana máis coñecida do Pazo sexa a da mística literaria arredor del, que arrinca desde o núcleo mesmo da súa orixe,  xa que logo, o Pazo fúndase a partir da primeira fábrica de papel de Galicia (1714), a Real Fábrica de Papel do Faramello, aínda parcialmente visitable.

Dicir que foi fonte de inspiración para autores como Rosalía de Castro, que se rendeu aos seus encantos, “No pazo onde nunca xea, a súa beleza conxeloume a alma”, Emilia Pardo Bazán, “Hai moitos pazos, o Faramello é único” ou C.J. Cela “O segredo mellor gardado do Camiño que chaman do Apóstolo”, é unha sobranceira carta de presentación para calquera actividade relacionada coa literatura galega ao seu máximo nivel.

Ser un dos escenarios principais da novela A Casa da Troia, de Pérez Lugín (1915) deulle a proxección terminante para inserilo por sempre na mística literaria dos grandes pazos galegos.

Máis aló, os puristas da lingua sinalan o Faramello como unha das orixes do galego escrito tras case catro séculos de escuridade, mesmo atopamos as primeiras manifestacións do galego escrito no Rexurdimento nos pasquíns revolucionarios contra as tropas napoleónicas invasoras, todos eles marcados co F floreado de ser impresos no Faramello.

Historia de Galicia

 

O Pazo do Faramello é un reflexo da propia historia de Galicia, situado aos pés do mítico Castro Lupario e atravesado polo antigo Camiño da Traslatio Xacobea. Todo o eido está salpicado de vestixios célticos e prerromanos, incluíndo unha rocha santuario obxecto de múltiples estudos e investigacións.

Quizais a historia máis documentada arrinca cando, aproveitando unha presa medieval e un asentamento previo xunto ao río, un rico comerciante xenovés, o Marqués de Piombino, decide edificar a primeira papeleira de Galicia (1714) que estará en funcionamento durante case 200 anos.

 

A visita á fábrica é unha inmersión na época preindustrial galega, na que aínda se poden admirar as antigas pías, chamados podredoiros, onde se deixaban fermentar os farrapos que servían de materia prima para a fabricación do papel naquela época. Pódese visitar tamén un antigo muíño de papel “de tres pedras” e mesmo estudar o simbolismo do último timbre de papel que saíu da Real Fábrica. É importante salientar que non só nos estamos a referir a unha das primeiras industrias de Galicia, senón que tamén foi pioneira por contar case en exclusividade con man de obra feminina nunha época na que as mulleres non traballaban, e nas fábricas no Faramello dominaban en destreza aos homes á hora da confección final do papel.

O Pazo xoga un rol relevante como reduto de resistencia na Guerra de Independencia contra os exércitos napoleónicos. Nas covas próximas ao río gárdase o arsenal contra as tropas francesas e a imprenta acelera a súa produción con soflamas revolucionarias chamando ao pobo galego á rebelión. O Señor do Faramello é o xefe das revoltas en Padrón, custándolle iso a vida e sendo enterrado como un mártir na catedral de Santiago, alcanzando, porén, os seus descendentes o privilexio de poder ir dacabalo a visitalo dentro do recinto sacro, cousa que endexamais ninguén fixo, malia que dentro da casa é posible ver os arreos de como habería que adobiar ao cabalo en tal suposto, tendo isto dun valor histórico singular.

Xa nos comezos do S.XX, e unha vez que cesa a actividade fabril, o Pazo vive unha auténtica idade de ouro a nivel político e social cando o propio rei — o elixe para pasar as súas estancias estivais –sendo por iso coñecido como o Balmoral do Sar- mentres espera que se resolva o litixio que mantén cos habitantes da illa de Cortegada para facer alí un palacio, que finalmente se construiría en Santander.

Historia da Arte – Arquitectura

O Pazo do Faramello é unha edificación de comezos do século XVIII de estilo barroco compostelán civil, con marcadas influencias italianas que delatan a orixe xenovesa do seu fundador, o Marqués de Piombino.

É imposible completar unha descrición do Pazo do Faramello sen referirse á fantástica colección artística que hai entre os seus muros. Os interiores do pazo non desmerecen en absoluto aos exteriores, co mobiliario en perfecto estado de conservación e cunha calidade de pezas extraordinaria, sendo sen dúbida o máis relevante todas as obras de José Gambino que existen no Faramello, mestre do barroco galego nado no Pazo en 1719, e cuxa obra principal no eido é o retablo da capela, que goza da  máxima protección patrimonial.

Tradición Xacobea

O Faramello, situado a 10 km de Compostela, é o último gran pazo atravesado polo Camiño Portugués. Con todo son os carreiros tradicionais da ruta da Traslatio Xacobea (por onde supostamente se transladaron os ósos do apóstolo) os que realmente teñen un altísimo interese a nivel xacobeo e do desenvolvemento do Camiño por unha vertente menos convencional e de moito máis valor ecolóxico.

É imposible non sinalar que o mítico Castro da Raíña Lupa, cuxa lenda xacobea dos touros bravos amansados en bois  ante o féretro do apóstolo xa aparece no Códice Calixtino, atópase a un paseo de menos de 10 minutos desde o pazo, aínda que o seu estado de conservación sexa manifestamente mellorable.

Compromiso social co seu tempo

Nos terreos de libre acceso do Pazo do Faramello atópase o Xardín do Recordo, un parque memorial público en lembranza das vítimas do accidente de Angrois, cada unha representada por unha árbore, un cercis ou árbore do amor, case que todas elas plantadas polas súas propias familias.

13765962_1015990641782140_6190929165490879711_o

Co obxectivo de achegar un universo tan rico e tan descoñecido a escolares de todas as idades, propoñémoslles unha visita didáctica ao Pazo rematando coa plantación dunha nova árbore no Xardín do Recordo.

Faramello esPazo educativo

10845979_731383646909509_2714735845822013630_n

Compromiso medioambiental

Conservación do patrimonio galego

Alianza coa educación